jueves, 31 de marzo de 2022

Concerto

O vindeiro sábado 2 de abril celébrase o Día do Libro Infantil.  Dende a Biblioteca Pública de Santiago, Ánxel Casal, convidaron a Paco Nogueiras. Anímovos a asistir e desfrutar do seu concerto cheo de música, baile e noticias divertidas, co seu espectáculo Extra.

É un concerto de entrada libre ata completar aforo.

miércoles, 23 de marzo de 2022

Un ballet de Delibes

O ballet é un espectáculo de danza, en que a música conta unha historia que executan os bailaríns e as bailarinas. O coreógrafo ou coreógrafa crea os movementos da danza.

Con isto estivemos traballando o alumnado de 4º de Primaria. Bailamos o Pizzicato do ballet Sylvia, de Léo Delibes.

Empregamos os pasos ofrecidos polo noso proxecto Tiroliro, e aínda que temos que mellorar, desfrutamos moito bailando, ademais de traballar a estrutura desta peza: ABA.


Tamén vos deixo o LINE RIDER que tanto nos gustan, deste Pizzicato de Delibes.

jueves, 17 de marzo de 2022

Alunelul

Cos nosos palillos chinos en 6º de Infantil acompañamos está divertida audición chamada Alunelul. Non só traballamos o ritmo senón tamén o movemento, adaptándoo á velocidade da música. Ademais vivenciamos a estrutura desta peza, diferenciando a parte A (onde tocamos cos palillos) da parte B (onde avanzamos e nos movemos).

miércoles, 16 de marzo de 2022

Danza dos sete saltos

 O alumnado de 3º de Primaria estivemos traballando con esta danza de Dinamarca, chamada ¨Danza dos 7 saltos¨.

Con ela non só desfrutamos, senón tamén desenvolvemos o oído musical, a estrutura temporal, ritmo, movemento, coñecemento físico e psicomotricidade.


Coa proposta do noso proxecto Tiroliro, ademais diferenciamos os instrumentos de vento-metal, de agudo a grave: trompeta, trompa, trombón e tuba. 

É unha música acumulativa, que consta de 7 voltas e cada unha delas é interpretada neste caso, por un instrumento de vento-metal. 

Temos que seguir mellorando e agudizando a memoria!

lunes, 14 de marzo de 2022

A regueifa dos de 5º

A regueifa é un desafío improvisado e cantado en verso de unha ou un conxunto de persoas que se retan entre si. 

É de orixe galego_portuguesa, con parecido ao rap actual, pero as regueifas son de orixe popular e eran transmitidas oralmente.


En 5º quixemos poñer en práctica unha regueifa, do proxecto Tiroliro. Cantamos e acompañamos cos instrumentos de placas, aínda que modificamos o acompañamento. 

Empregamos coplas populares como a primeira, pero tamén houbo un traballo de improvisación onde por grupos crearon varias e de entre todas escollimos a última que cantamos.

viernes, 11 de marzo de 2022

Agudo e Grave

En Infantil e 1º de primaria, un dos contidos que traballamos nalgunhas sesións, é a altura do son,  diferenciando os extremos: son agudo e son grave. 


Coa axuda do pandeiro (grave) e do triángulo (agudo), fixemos un xogo de recoñecemento auditivo, onde tiñamos que encollernos se o son era grave (soaba o pandeiro), ou estirarnos se o son era agudo (soaba o triángulo).


Mirade que divertido!

Logo fixemos dous equipos: equipos de agudos e equipos de graves, e fomos acompañando co ritmo proposto pola mestra (ta, ta, titi, ta) a canción chamada ¨Letkiss, de Roberto Delgado¨

jueves, 10 de marzo de 2022

Do - re - mi - sol - la, metalnotas

 En 2º xa levamos aprendidas estas cinco notas. Entoamos e cantamos ademais de practicar a súa colocación no pentagrama axudados destas divertidas arañas.


Podemos seguir practicando dende a casa, movendo as notas/arañas e colocándoas no seu sitio no pentagrama.

Ademais practicamos coas metalnotas, con esta partitura do proxcto ¨Tiroliro¨, fixándonos nas mans: D = dereita E= esquerda.

Traballamos un montón de contidos, de xeito práctico:

linguaxe musical (compás, figuras, forte e piano, notas...), entoación, interpretación musical, agarre de baquetas e alternancia de mans.

martes, 8 de marzo de 2022

8 MARZO: Día internacional da muller

Como cada 8 de marzo celebramos o Día da muller reivindicando a igualdade que merecemos, pois todos e todas podemos ser o que queiramos ser.

Fixen unha selección de músicas para este día, e agardo que vos gusten. Son moitas das miñas favoritas. O debuxo tamén dun favorito, o pintor Leandro Lamas. 

Con cal vos quedades? Podedes escoller unha, deixando en comentarios.

(Para velo mellor, podedes mover a barra lateral e inferior)

Hecho con Padlet